Psicólogos Especialistas en ansiedade en Lugo, A Mariña, Foz, Burela, Viveiro, Ribadeo
¿Teño ansiedade? ¿Debo acudir a un especialista?
Ansiedade adaptativa vs. ansiedade patolóxica
É frecuente que as persoas experimentemos ansiedade en distintos momentos ao longo das nosas vidas. De feito, a ansiedade constitúe un mecanismo adaptativo que nos permite permanecer alerta e que, cando se experimenta con unha intensidade e duración axeitadas, pódenos axudar a mellorar o rendemento, a motivación e a adaptación ante determinadas situacións; estudar para un exame, favorecer a concentración e o rendemento nunha competición deportiva, escapar dunha situación de perigo, etc.
Non obstante, cando os signos e síntomas de ansiedade se intensifican, chegando a superar uns límites determinados, poden interferir dun xeito significativo na realización de actividades no noso día a día, afectando diversas áreas, mermando notablemente a nosa calidade de vida e o noso benestar.
A nivel clínico, os trastornos de ansiedade diferéncianse da ansiedade normal ou adaptativa en base á súa intensidade (evocando respostas excesivas en relación ao contexto ou situación na que se producen), á súa frecuencia (maior nivel de ocurrencia ante diversas situacións) e en base á súa duración, manténdose no tempo máis alá do esperable para actuar como mecanismo de adaptación. Polo tanto, nos trastornos de ansiedade experiméntanse signos e síntomas de ansiedade que resultan especialmente intensos, irracionais, duradeiros e que ocasionan un profundo malestar, podendo chegar a ser altamente incapacitantes en determinados contextos.
Síntomas de ansiedade
Existen diversos trastornos de ansiedade que presentan características propias, algúns dos cales poden ser de inicio na infancia. Os trastornos de ansiedade tenden a persistir ao longo do tempo se non se tratan axeitadamente, podendo chegar a xeralizarse ou intensificarse. En ocasións, as persoas que presentan algún trastorno de ansiedade poden experimentar crises ou ataques de pánico ( Ler máis sobre os ataques de pánico AQUÍ ). Non obstante, estas crises non se circunscriben de xeito exclusivo aos trastornos de ansiedade, podendo observarse noutros cadros clínicos, ao igual que sucede cos síntomas de ansiedade.
A continuación, enuméranse unha serie de signos e síntomas que adoitan presentarse con frecuencia e de xeito xeral nos trastornos de ansiedade, se ben non son exclusivos destes trastornos.
- Dificultades para concentrarse
- Elevada preocupación
- Irritabilidade
- Insomnio e fatiga
- Axitación, nerviosismo e intranquilidade
- Tensión muscular
- Activación do sistema nervioso simpático (incremento da frecuencia cardíaca, sudoración, aumento do ritmo respiratorio...)
- Medo e pánico irracionais
- Actitude hipervixilante e elevada percepción de ameaza e/ou perigo
- Evitación de situacións
- Sentimentos de culpa e inferioridade
- Baixa autoestima
A ansiedade pode chegar a ser incapacitante e interferir de xeito significativo na túa vida. Se experimentas algúns dos síntomas anteriores con elevada frecuencia e/ou sentes ansiedade a maior parte dos días, pode ser indicativo de que existe algún trastorno de ansiedade. Nese caso, recoméndase buscar a axuda dun/ha profesional debidamente cualificado/a para levar a cabo unha axeitada avaliación, diagnóstico e tratamento do problema.